Tuesday 14 de May de 2024

Conclúe o programa de Prevención de condutas aditivas no ámbito escolar coa participación de máis de 600 escolares de Primaria e Secundaria


 

O plan, coordinado polo Concello de Boqueixón, tamén levou as distintas sesións aos centros educativos dos municipios de Vedra, Teo e Touro

O Servizo de Prevención de Condutas Aditivas dos Concellos de Boqueixón, Teo, Touro e Vedra veñen de finalizar este mes as súas actividades dirixidas a escolares de Educación Primaria e Secundaria. Así, o proxecto, coordinado polo Concello boqueixanés e cofinanciado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ofreceu varias sesións nos distintos centros educativos dos catro municipios e nas que participaron máis de 600 rapazas e rapaces de 6º de EP e de 1º e 2º de ESO.

O programa incluíu a realización de talleres de Prevención de consumo de substancias e obradoiros de Adestramento en Habilidades Sociais. Estes últimos, dirixidos á poboación de 6º de Educación Primaria, nos que participaron 222 nenas e nenos dos centros de Boqueixón, Teo, Touro e Vedra. Os contidos traballados foron: os estilos de comportamento, a asertividade, a escoita activa, a empatía, o control da ira e como dicir non ante a presión de grupo. O alumnado valorou especialmente abordar a emoción do enfado, compartir os seus sentimentos e buscar ferramentas para o seu control. Ademais, como xa ven sendo habitual, as mozas e mozos de 1º ESO do CPIP Antonio Orza Couto de O Forte recibiron catro sesións para reforzar todo o traballado o curso anterior.

En canto aos talleres de prevención do consumo de substancias, beneficiáronse deles 392 escolares. O alumnado de 2º ESO dos centros de secundaria dos catro concellos participou no obradoiro Saber… Drogas no que se traballaron os conceptos de droga, dependencia, tolerancia e síndrome de abstinencia, así como os mitos e realidades do consumo, os efectos e consecuencias das drogas e como rexeitar o ofrecemento deste tipo de substancias. O alumnado de 4º ESO do IES de Cacheiras recibiu ademais o taller Non pasa nada… Pasa algo?, no que se afondou nos contidos abordados no segundo curso dunha forma máis precisa e interactiva.

O alumnado valorou moi positivamente recibir información sobre drogas para poder tomar unha decisión saudable e previr problemas co consumo de substancias. Do total da poboación enquisada teñen experimentado co alcohol o 44%, o 35% co tabaco, o 15% co cannabis e o 3% con outras substancias ilegais. O 14% declárase fumadora e o 11% consume cannabis con regularidade.
Dentro destas actividades de intervención na aula tamén se incluíu a aplicación de material didáctico Saúde na escola, dirixido a todos os niveis educativos e o programa Cinensino que consiste na proxección de tres películas de cine (unha por trimestre) coas súas correspondentes unidades didácticas para traballar na aula, con contidos de educación en valores e educación para a saúde.